Obxetivos
Partida de nacemento
Testamento
Discurso Inaugural
Persoal Docente
Persoal de Servizos
Pinacoteca
Federico de Madrazo
Capela
Gabinete de Física
Gabinete de Química
Gabinete de Historia Natural

CAPÍTULO PRIMEIRO. DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1.- Denominación e natureza

A “Fundación Benéfico-Docente Fernando Blanco de Lema”, constituiuse o 2 de Abril de 1875, data do testamento de D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto, outorgado ante o notario do distrito de Guadalupe da Habana (Cuba); sendo declarada de beneficencia particular docente o 2 de Novembro de 1923, mediante publicación no Boletín Oficial do Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes.
Trátase dunha organización de natureza fundacional, de interese galego, constituída sen ánimo de lucro, e cuxo patrimonio está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Artigo 2.- Personalidade e capacidade

Esta Fundación ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar en consecuencia todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico, figurando inscrita co número 42 no Rexistro Auxiliar de Fundacións Benéfico-Docentes, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3.- Réxime

A Fundación rexerase polos presentes estatutos, polos Regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego; modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, ou polas disposicións que as substitúan.
Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 50/2002. de 26 de decembro, de fundacións, e polas normas regulamentarias que a desenvolvan: pola Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado; polo R.D. 1270/2003, de 10 de outubro, polo que se aproba o regulamento para a aplicación do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado, así como polo resto das disposicións legais de dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan de aplicación.

Artigo 4.- Enderezo

O enderezo da Fundación radicará na sede da Colección Visitable da Fundación Fernando Blanco de Lema, sita en Praza da Constitución, nº 25, Concello de Cee, provincia de A Coruña.
O padroado poderá promove-lo cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con inmediata comunicación ao protectorado, na forma prevista na lexislación vixente.

Artigo 5.- Ámbito de actuación

A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.



CAPÍTULO SEGUNDO. OBXECTO DA FUNDACIÓN.

Artigo 6.- Fins e actividades fundacionais

A Fundación ten por obxecto continuar coas últimas vontades que D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto deixou mencionadas no testamento, adecuándoas, eso si, á realidade actual.
Polo tanto, serán fins da Fundación a promoción educativa e cultural da vila de Cee e da súa bisbarra, a través dos dous edificios que posúe na vila: o actual IES Fernando Blanco de Lema, cedido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e a antiga Escola de Nenas, hoxe sede da Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema, recoñecida como Colección Visitable de carácter científico-técnico e artístico polo acordo do Consello da Xunta do 9 de Xuño de 2005, facendo fincapé na proxección do noso pobo como herdeiro dun pasado educativo único no rural galego a finais do século XIX e primeira metade do século XX, como pioneiro na labor de aproveitamento integral do seu patrimonio histórico e, consecuentemente, coma centro de dinamización cultural da comarca.

Artigo 7.- Liberdade de actuación

O padroado terá plena liberdade para determina-las actividades da Fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.
Actualmente, tales actividades están centradas na cesión de uso do edificio fundacional para servizo público do Instituto de Ensinanza Secundaria e, no mantemento e funcionamento, na antiga Escola de Nenas, da Colección Visitable de carácter científico-técnico da Fundación Fernando Blanco de Lema.



CAPÍTULO TERCEIRO. REGLAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS Ó CUMPRIMENTO DOS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN
DOS BENEFICIARIOS.

Artigo 8.-Destino das rendas e ingresos

Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, a porcentaxe que en cada momento determine a normativa vixente, das rendas ou calquera outro ingreso neto (a excepción das contribucións ou doazóns recibidas en concepto de dotación) que obteña a fundación, debéndose destinalo resto a incrementa-la dotación fundacional ou a reservas segundo acordo adoptado polo padroado.
Os gastos de administración non poderán supera-la porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 9.-Beneficiarios

Serán beneficiarios da Fundación as persoas físicas e xurídicas que reúnan as seguintes condicións:
- Calquera persoa física ou xurídica que se atope interesada en obter ou cubrir algunha necesidade relacionada cos fins da Fundación.
- As persoas físicas, institucións ou entidades que, perseguindo fins análogos aos da Fundación, realicen actividades que coincidan ou sexan complementarios coas dela.
A determinación dos beneficiarios efectuarase polo Padroado con criterios de imparcialidade e non discriminación. Ninguén poderá alegar fronte a Fundación dereito preferente para a obtención das súas prestacións, nin impoñela a persoa ou entidade determinada.



CAPÍTULO CUARTO. O GOBERNO DA FUNDACIÓN: O PADROADO.

Artigo 10.- Natureza

O padroado é o órgano de goberno, representación e administración da fundación, e executará as funcións que lle corresponden con suxeición ó disposto no ordenamento xurídico e nos presentes estatutos.

Artigo 11.- Composición e organización do Padroado

O padroado estará composto por 5 membros: Presidente, Secretario, Tesoureiro e 2 Vocais.
- O posto de Presidente recaerá na persoa que ocupe o cargo de Alcalde do Concello de Cee.
- O posto de Secretario recaerá na persoa que ocupe o cargo de Responsable da Colección Visitable da Fundación Fernando Blanco de Lema.
- O posto de Tesoureiro recaerá na persoa que o cupe o cargo de Párroco de Santa María da Xunqueira de Cee.
- Os postos de Vocais recaerán nas persoas que ocupen os cargos de Xuíz de Paz de Cee e de Director do Instituto de Educación Secundaria Fernando Blanco de Cee.

Artigo 12.- Duración do mandato

Os patróns desempeñarán as súas funcións mentres desempeñen o cargo por razón do cal foron nomeados membros do padroado.
Producida unha vacante, a substitución efectuarase pola persoa que o releve no cargo, debendo a vacante ser cuberta no prazo máximo de dous meses.

Artigo 13.- Nomeamento e substitución de patróns

O nomeamento de patróns, tanto para completa-lo número máximo de membros como para cubri-las vacantes que se produzan será competencia do padroado.
A substitución dos patróns comunicaráselle formalmente ó protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

Artigo 14.- Aceptación do cargo de patrón

Os patróns entrarán a exerce-las súas funcións despois de teren aceptado expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente ou en certificación do padroado, coas sinaturas do secretario e do presidente, e comunicarase formalmente ó protectorado para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

Artigo 15.- Cesamento dos patróns

O cesamento dos patróns da fundación producirase nos supostos seguintes:
-Por morte ou declaración de falecemento, así como por extinción da persoa xuridica.
-Por renuncia comunicada coas debidas formalidades
-Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido na leí.
-Por cesamento no cargo por razón do cal foron nomeados membros do padroado.
-Por resolución xudicial
-Por non desempeña-lo cargo coa dilixencia dun representante leal
A renuncia será efectiva desde o momento en que se lle notifique ao órgano de goberno da Fundación.
O cesamento dos patróns comunicarase formalmente ao protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

Artigo 16.- 0 presidente

Ao presidente correspóndelle exerce-la representación da fundación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; convocará as reunións do padroado, presidiraas, dirixirá os seus debates e, se é o caso, executará os acordos, podendo para isto realizar toda clase de actos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin.
Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, o presidente será substituído polo vocal de maior idade.

Artigo 17.- O secretario

Son funcións do secretario custodia-la documentación pertencente á fundación, redacta-las actas correspondentes ás reunións do padroado, expedi-las certificacións e informes que sexan necesarios, e todas aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.
Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, o secretario será substituído polo vocal de menor idade do padroado.

Artigo 18.- O tesoureiro

O Tesoureiro dirixirá a contabilidade da Fundación, levará a conta dos ingresos e dos gastos, recadará e custodiará os fondos pertencentes á entidade, dando cumprimento, ademais, ás ordes de pagamento que expida o Presidente.
Corresponderalle, tamén, preparar, por si mesmo ou co correspondente asesoramento, cantos documentos de carácter económico deba formaliza-la Fundación para remitir ou dar conta dos mesmos ó Protectorado.

Artigo 19.- Facultades do padroado

Corresponde ó padroado o goberno, a representación e administración da fundación, así como a modificación e interpretación dos presentes estatutos nos termos establecidos na lexislación vixente.
Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes estatutos e sen prexuízo de solicitar, se é o caso, as preceptivas autorizacións ó protectorado, a titulo meramente enunciativo, serán facultades do padroado:
Exerce-lo goberno, a representación, inspección, vixilancia e orientación da fundación.
Interpretar e desenvolve-los presentes estatutos e, se é o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación, de acordo cos requisitos establecidos na lexislación vixente.
Fixa-las liñas xerais sobre a distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as finalidades da fundación.
Aproba-los orzamentos e as contas anuais que serán obxecto de presentación ó protectorado.
Delega-las súas facultades en un ou máis patróns, sen que poidan ser obxecto de delegación.
A aprobación das contas anuais.
A formulación de orzamentos.
A venda e o gravame de bens inmobles, das obras de arte e dos bens patrimoniais histórico- artísticos e documentais, así como os valores mobiliarios que non coticen en bolsa.
Calquera acto que precise a autorización ou aprobación do protectorado.
Adoptar acordos sobre a transformación, extinción e liquidación da fundación nos casos previstos na lexislación vixente.

Artigo 20.- Reunións do padroado e convocatoria

O padroado reunirase, polo menos, dúas veces ó ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da fundación. Corresponde ó presidente convoca-las súas reunións.
Igualmente, convocarase reunión do padroado por petición das 2/3 partes dos membros.
A convocatoria faráselle chegar a cada un dos membros, polo menos, con cinco días de anticipación á data da súa celebración, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción. Nela farase consta-lo lugar, día e hora de celebración da reunión, xuntándose, así mesmo, a orde do día.
Non será precisa convocatoria previa cando se encontren presentes tódolos patróns e acorden por unanimidade a celebración da reunión e da orde do día.

Artigo 21.- Formas de deliberar e adoptar acordos

As reunións do padroado entenderanse validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados, polo menos a metade máis un dos seus membros.
Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes, e será dirimente en caso de empate o voto do presidente. Non obstante será necesario o voto favorable das 2/3 partes sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta dos seus membros para aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, á disposición dos bens da fundación a título gratuíto, á fusión e á extinción da fundación.
Das reunións do padroado redactará acta o secretario e será aprobada por tódolos membros presentes nel. Esta transcribirase ó correspondente libro e será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 22.- Obrigas do padroado

Na súa actuación, o padroado deberase axustar ó preceptuado na lexislación vixente e ó disposto nestes estatutos, atendendo á vontade do fundador.
Corresponde ó padroado cumpri-los fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación mantendo plenamente o seu rendemento e utilidade.
O padroado dará información suficiente dos fins e actividades da fundación para seren coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e demais interesados.

Artigo 23.- Obrigas e responsabilidades dos patróns

Entre outras, son obrigas dos patróns facer que se cumpran os fins da fundación, concorrer ás reunións a que sexan convocados, desempeña-lo cargo coa dilixencia dun representante leal, manter en bo estado de conservación e producción os bens e valores da fundación, e cumprir nas súas actuacións o determinado nas disposicións legais vixentes e nos presentes estatutos.
Os patróns responderán solidariamente fronte á fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados neglixentemente, na forma que en cada momento determine a lexislación vixente.

Artigo 24.- Carácter gratuíto do cargo de patrón

Os patróns exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que, en ningún caso, poidan percibir retribución polo desempeño desta función.
Os patróns terán dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.

Artigo 25.- Contas bancarias da Fundación

Tódalas contas bancarias da Fundación contarán coa sinatura do presidente, do Secretario, do Tesoureiro e dos dous Vocais. Para efectuar operacións necesitaranse, alomenos, dúas das cinco sinaturas.



CAPÍTULO QUINTO. RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 26.- Patrimonio fundacional

O patrimonio da Fundación pode estar integrado por toda clase de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica.
Uns e outros deberán figurar a nome da fundación, constar no seu inventario e no Rexistro de Fundacións. O padroado promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición a nome da fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 27.- Dotación da fundación

A dotación da Fundación estará integrada por tódolos bens e dereitos que constitúen a dotación actual da Fundación e por aqueles outros que no sucesivo se acheguen con ese carácter.
Actualmente a dotación está formada polos bens que figuran na escritura pública outorgada en Corcubión polo Notario do Ilustre Colexio de Galicia, Dª. Cristina Denís Real, de data catorce de Decembro de dous mil seis (14/12/2006).

Artigo 28.- Adscrición do patrimonio fundacional

Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan, quedarán vinculados ó cumprimento dos fins que a Fundación persegue.

Artigo 29.- Financiamento

A Fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio e, se fora o caso, con aqueles outros procedentes das axudas, subvencións ou doazóns que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.
A Fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servizos directamente prestados por esta os seus beneficiarios na forma e cos requisitos establecidos no artigo 21.1 do Decreto 248/1992. As cantidades que excepcionalmente poida percibi-la fundación do conxunto dos seus beneficiarios non poderán excede-lo custo real do servizo ou da prestación de que se trate, sen marxe comercial de ningunha clase.

Artigo 30.- Réxime financeiro

Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais de contabilidade determinados na normativa vixente, así coma polas normas aplicables en materia de fundacións de interese galego.
A Fundación levará aqueles libros que sexan convenientes para a boa orde e desenvolvemento das súas actividades, así como para o adecuado control da súa contabilidade. Será, en todo caso, necesario formular e leva-los seguintes libros e documentación:
Inventario-balance.
Memoria.
Orzamentos e a súa liquidación.
Libro diario.
Libro de actas.

Artigo 31.- Administración

Queda facultado o padroado para face-las variacións necesarias na composición do patrimonio da fundación, de conformidade co que aconselle a conxuntura económica de cada momento e sen prexuízo de solicita-la debida autorización ou proceder á oportuna comunicación ó protectorado.

Artigo 32.- Confección de orzamentos, rendición de contas e memoria social de actividades

Confeccionarase o orzamento correspondente ó ano seguinte, en que se recollerán, con claridade os ingresos e gastos, que deberá ser aprobado polo padroado e remitido ó protectorado, acompañado dunha memoria explicativa, antes de finaliza-lo exercicio anterior.
As contas anuais serán aprobadas polo padroado da Fundación e un exemplar do balance, a conta de resultados, a memoria anual e o inventario do ano precedente serán enviados anualmente ó protectorado, dentro do prazo dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio, acompañados de certificación expresiva de que todos eles son fiel reflexo da contabilidade.
Se a Fundación se atopa dentro dos requisitos legais establecidos, as contas anuais someteranse á auditoría externa, remitindo ó protectorado o informe dela xunto coas contas.



CAPÍTULO SEXTO. DA MODIFICACIÓN, AGREGACIÓN OU EXTINCIÓN.

Artigo 33.- Modificación de estatutos

Por acordo do padroado, poderán ser modificados os presentes estatutos, sempre que resulte convinte ós intereses da fundación e se cumpran os requisitos previstos na lexislación vixente. Tal modificación acometerase cando as circunstancias que presidiron a constitución da fundación teñan variado de maneira que esta non poda actuar satisfactoriamente con arreglo ós estatutos en vigor.
Para a adopción de acordos de modificación, será necesario o voto favorable das 2/3 partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña maioría absoluta dos membros do padroado.
A modificación ou nova redacción dos estatutos acordada polo padroado terá que ser aprobada polo protectorado e inscrita no Rexistro de Fundacións.

Artigo 34.- Fusión con outra fundación

A fundación poderase fusionar con outra ou outras, logo de acordo dos respectivos padroados.
O acordo de fusión deberá ser aprobado co voto favorable das 2/3 partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña maioría absoluta dos membros do padroado. O acordo de fusión terá que ser comunicado ó protectorado con anterioridade ó outorgamento da escritura pública, que posteriormente se inscribirá no Rexistro de Fundacións.

Artigo 35.- Extinción da fundación

A fundación extinguirase polas causas e de acordo cos procedementos establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 36.- Liquidación e adxudicación

A extinción da fundación determinará a apertura do procedemento de liquidación que será realizado polo padroado baixo o control do protectorado.
Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou ás entidades non lucrativas privadas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens (mesmo para o suposto da súa disolución) á consecución daqueles. Corresponde ó padroado designa-las entidades receptoras destes bens, de acordo co establecido na lexislación vixente.



CLÁUSULA ADICIONAL.

En todo caso, o previsto nos presentes estatutos non implica limitación ou substitución nas competencias que ó protectorado atribúe á lexislación vixente, e moi especialmente en relación coas autorizacións ou limitacións a que a fundación expresamente se somete.