 |
O día 18 de xullo de 2008 asinouse o convenio de colaboración empresarial en actividades de interese xeral entre D. Ramón Vigo Sambade, Presidente da Fundación Fernando Blanco de Lema, e D. Carlos Oliete Fernández, Director das fábricas de Cee e Dumbría da empresa FerroAtlántica. Este tipo de convenios aparecen recollidos na Lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado. O seu artigo 25 di: "Entenderase por convenio de colaboración empresarial en actividades de interese xeral, ós efectos previstos nesta Lei, aquel polo cal as entidades ás que se refire o artigo 16, a cambio dunha axuda económica para a realización das actividades que efectúen no cumprimento do obxeto ou finalidade específica da entidade, comprométense por escrito a difundir, por calquera medio, a participación do colaborador en ditas actividades. A difusión da participación do colaborador no marco dos convenios definidos neste artigo non constitúe unha prestación de servizos. As cantidades satisfeitas ou os gastos realizados terán a consideración de gastos deducibles para determinala base impoñible do Imposto sobre Sociedades da entidade colaboradora ou do Imposto sobre a Renda de non Residentes dos contribuíntes que operen en territorio español mediante establecemento permanente ou o rendemento neto da actividade económica dos contribuíntes acollidos ó réxime de estimación directa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. No marco deste convenio, FerroAtlántica aportará anualmente a cantidade de 15.000 €, os cales estarán destinados a colaborar na actividade e mantemento do Museo que a Fundación posúe na vila de Cee, constituíndo unha inestimable axuda a prol de afianzalos obxetivos primordiais da institución museística (conservación, investigación e difusión do patrimonio dun dos máis importantes Colexios-Institutos da Galicia de finais do século XIX e primeira metade do século XX, así como lembrar e louvar a figura do máis insigne fillo da vila da Xunqueira, D. Fernando Blanco de Lema). A Fundación, coa sinatura deste convenio, adquire unha serie de compromisos, entre os que figuran, ademáis do descubremento dunha placa conmemorativa na fachada do Museo, dar difusión ó presente convenio nos medios de comunicación e na páxina web do museo, incorporación do logotipo da empresa na web, creación dun vínculo de acceso directo dende a web do museo á web de FerroAtlántica, constancia do patrocinio da empresa en tódolos actos, actividades e publicacións do museo, etc. Pola súa parte, FerroAtlántica poderá facer referencia, sempre que así o desexe, ó feito de colaborar cunha entidade sen ánimo de lucro como a Fundación Fernando Blanco de Lema. A este convenio hai que sumar outro que, dende fai varios anos, a Fundación ten asinado co Concello de Cee, o cal todos os anos aporta a cantidade de 15.000 €, contribuíndo a sufragar os gastos derivados do Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema. Os membros do Padroado da Fundación queren expresar públicamente o seu recoñecemento a FerroAtlántica, entidade que sobresae polas súas inquedanzas culturais e sociais, como queda de manifesto coas súas múltiples colaboracións en actos e eventos de toda índole que se celebran na bisbarra, agradecéndolle, como reza a placa que se colocou na fachada do museo con motivo da sinatura deste convenio, o apoio á cultura e á historia da vila de Cee, colaborando de xeito altruista e desinteresado coa actividade e mantemento do Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema.
|
 |
|